venres, 29 de agosto de 2014

Pantallas


Fai cuase 1 ano (con menos de 2 anos de idade, cicais demasiado cedo) que comezamos a deixarlle ver a televisión con certa regularidade. Fixémolo progresivamente, comezando por 15 ou 20 minutos ao día en días alternos até a hora diaria que absorbe na actualidade. Resistímonos un pouco a que vexa a programación das distintas canles, seleccionando nun disco duro videos musicais e programas infantís que ve “á carta”.
Ao principio, eran só videos musicais, que actualizabamos conforme pasaban os meses, deixando aqueles que máis gostaba e introducindo outros novos con linguaxes máis complexas. Aguantan desde o principio O Pirimpimpín, dos Meninos cantores e O Parampampero, de MamáCabra, cos que baila, canta e ri que é umha ledicia vela. No que atinxe a programas, o Baby Einstein, As músicas da Carochinha, ChuChu TV ou os Little Einstein, que é o que máis ve hoxendía.
Ve e escoita, sen ningún tipo de complexo, videos en galego, castelán, portugués, inglés e algún en LSE; e aínda que nos primeiros meses mesturaba un pouco todo, empregando as palabras indistintamente en umha ou outra língua, actualmente tennos sorpredido en varias ocasións formando frases (coas súas limitacións) nun ou noutro idioma conforme a quen se estea dirixindo.
A isto podemos sumarlle o uso dalgumhas apps “didácticas” no meu iPad (isto sen periodicidade de ningún tipo, arredor de 2 horas á semana) e algúns móbiles que “consegue” emprestados duns e doutros.

Por umha parte é mui reconfortante ver como interactúa e aprende coa linguaxe audiovisual, aínda que por outra non deixo de darlle voltas á cachola ao ver como pouco a pouco vai mudando o seu xeito de mirar as pantallas, nomeadamente a televisión. Abstráese máis do seu contorno, ficando absorbida pola tele e mesmo ganhando en agresividade e perdendo interese por outras actividades que antes ocupaban un lugar preferente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario