sábado, 4 de xullo de 2015

Lara - Holly


Xa está matriculada no “cole”. O mesmo que lle pasou ao pai, a Lara vai ser das maiores da aula (por ter nacido no mes de febreiro). Estes días estamos despedíndonos da Escola Infantil Concepción Sáiz Otero, onde gozou dun ano de relacións, experiencias e amizades, tanto coas educadoras como co resto de nenas e nenos cos que compartiu centro.

O pasado 10 de xunho tinha lugar a festa de fin de curso, onde recibiron un diploma moi chulo e puideron cantar, bailar e xogar cabo da súa familia e dos seus companheiros. Para esta actividade, pedíronnos desde a Escola que asistiran disfrazados con temática medieval e, como queira que a Lara gosta muito da serie de debuxos animados O pequeno reino de Benn e Holly e mesmo fantasea amiúdo coa personaxe da princesa Holly, chegamos ao acordo na casa que iría disfrazada da personaxe de Baker e Astley. De feito, rexeitou de cheo cualquer outra posibilidade. Velaquí o motivo polo que 2 días antes me puxen mans á obra para ver onde podía mercar ou como podía facer este traxe. O resultado foi bastante satisfactorio e o traballo e os custos, moi poucos. E este é o motivo, polo que quero compartir a experiencia con vós.

O máis “complicado” era facer a vara máxica. Despois de parar algúns fotogramas da serie e procurar imaxes pola rede, puiden comprobar que era asumíbel facer algo parecido. A coroa, pois 3 cuartos do mesmo (aínda máis doado); e o traxe, estaba disposto a  facelo cun retal rosa até que decidín percorrer umhas cantas tendas de roupa infantil, por se as moscas. Como complemento final, merquei umhas alas (porque me dixo que as quería) e o caso é que gostou tanto do resultado que non quería quitar o traxe para durmir (nin siquer as alas) e aínda botou uns días “facendo maxia” pola casa. Por se fora de utilidade para alguén, reproduzo aquí os pasos seguidos:


Material a mercar
- Pregos de etilvinilacetato ou goma eva. Escollín algúns de cor plana e outros con brillos e purpurina. Merquei 1 dourado (para a coroa), 1 rosa, 1 violeta e 1 branco (para a vara)
- Fita violeta con brilos e adornos (para a vara). Merquei un rolo pequeno, aínda que abonda con un par de metros.
- Pau redondo para manualidades (porque non tinha ningún na casa).
En total, custou todo por volta dos 11 €


A maiores, hai que engadir as alas e o vestido, aínda que este último tamén o vai empregar a diario. Nestas 2 cousas, fóronse 9 €.

Os pasos foron os seguintes: 
1. VARA MÁXICA
Despois de facer un par de probas e comprobar que xa non tenho o pulso (se algún día o tiven) preparado para facer umha estrela ben feita, decidín imprimir umha estrela de 6 puntas no tamanho elixido. Esta impresión serviume de plantilla para recortar 2 estrelas de goma eva.
Paralelamente envolvín o paucinho coa fita violeta, despois de aplicarlle umha boa cantidade de cola branca.
Para rematar, recortei un circo de goma eva branca e outro un chisco máis grande de goma eva violeta con brilos.
No circo branco engadín uns ollos que tinha pola casa (deses para adornos que non se acaban nunca) e debuxeille un sorriso.
Finalmente só quedou colar todo conforme ao modelo orixinal e… voilà

2. COROA
Para a coroa escollimos a goma eva dourada con brilos e umhas formas triangulares para ter tino de que coincidira ben no remate. Este traballo correspondeulle á nai, que a coseu no remate deixando un aspecto bastante aparente.

 
Ao vestido e ás alas só houbo que quitarlles as etiquetas :-)



Velaí o resultado.








Ningún comentario:

Publicar un comentario